O seguimento do folga, aínda que desigual, ten unha elevada incidencia en sectores como ensino e os grandes centros de traballo. A solidariedade evidenciouse tamén nas concentracións realizadas polo persoal nos propios centros de traballo e nas mobilizacións que a CIG desenvolveu ao longo da mañá nas sete cidades mais en Vilagarcía, Carballo, Verín, Ribadeo, Monforte, Ribeira, A Estrada e A Guarda, nas que participaron milleiros de persoas.
Mención aparte merecen os servizos públicos, pois como vén sendo práctica habitual e a CIG xa denunciou, os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza impiden na práctica o exercicio á folga e confirman a negativa do Goberno galego a romper as relacións bilaterais que mantén con Israel. Este boicot ao paro xeral forma parte do silenciamento do xenocidio do pobo palestino nos medios de comunicación públicos galegos e do soporte permanente ao Estado soinista.
“A inhumanidade amosada polo PP ante a realidade palestina é inaceptábel”, denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen lle reclamou ao Goberno de Rueda que deixe de estar de perfil “e tome postura clara na defensa da legalidade internacional”.
Cómpre seguir mobilizándose por Palestina

Antes do inicio da manifestación de Compostela, Carril puxo en valor a resposta dada polas traballadoras e traballadores galegos “nunha xornada que se suma ás máis de mil cen mobilizacións convocadas en Galiza ao longo destes dous últimos anos para denunciar o xenocidio do pobo palestino e a complicidade dos gobernos occidentais diante desta barbarie”.
Neste senso, advirte que, a pesar do recente acordo para o cesamento dos ataques en Gaza, as accións de protesta non poden rematar porque o pobo palestino “é vítima dunha brutal ocupación dende hai 77 anos”. Sen a ocupación por parte do Estado sionista de Israel non se pode entender o xenocidio en Gaza.
O secretario xeral da CIG denunciou que Israel, co permanente apoio das potencias internacionais, nomeadamente os EUA, vén aplicando un réxime de apartheid contra o pobo palestino, roubando as súas terras e obrigando ao desprazamento forzoso da poboación local, executando detencións e encarceramentos sumarios e sometendo a poboación palestina a un acoso permanente.

A impunidade nestas actuacións, lembrou Carril, favoreceu o desmembramento de Palestina e a creación da Faixa de Gaza como o maior campo de concentración da historia, hoxe reducido a cascallos e exemplo da barbarie coa que actúa o Estado xenocida de Israel.
Garantir o dereito de autodeterminación
“Ao igual que viñemos facendo dende o inicio da agresión á Faixa de Gaza, non debemos cesar na nosa acción de denuncia e repulsa a esta persecución e na exixencia do dereito á vida, á paz, á dignidade e á xustiza para o pobo palestino”, aseverou. Salientou que cómpre seguir presionando para garantir que o acordo de cesamento do fogo non constitúa un novo atranco nas lexítimas aspiracións do pobo palestino “a contar cun estado propio, con soberanía plena e integridade territorial do río Xordán ao mar Mediterráneo, e para que se garanta o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas”.
Así mesmo, reivindicou unha “investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel e o resto de responsábeis directos que permitiron e colaboraron nesta barbaridade”.
Rachar as relacións bilaterais e boicot a Israel

Carril engadiu que esta xornada de paro e mobilizacións ten que servir tamén para exixir medidas políticas e económicas reais e efectivas contra o Estado xenocida de Israel, que pasan porque a UE, o Goberno español e o Goberno galego rompan as relacións militares, comerciais e diplomáticas mentres non remate a ocupación ilegal da Palestina.
Nesta liña reclamou que “nin un céntimo dos impostos que paga a clase traballadora (que representan un 60% dos ingresos totais do Estado) se dedique a colaborar cun réxime xenocida” e que eses recursos económicos sexan destinados a mellorar as condicións de vida da propia clase traballadora.
Aao tempo, que se recoñeza o dereito á obxección de conciencia das persoas traballadoras das empresas e administracións que manteñen relacións comerciais ou doutro tipo con Israel, “que poderán negarse a prestar os seus servizos laborais en traballos ou proxectos que impliquen colaboración coa entidade sionista”.
Finalmente, o secretario xeral reivindicou que se recoñeza o estatuto de refuxiadas ás persoas palestinas que o desexaren, con permisos de residencia e traballo.
Informaçõe: CIG.